DOBRETE NO PODIO DO GALEGO SUB16 DE CLUBS

Os equipos masculino e feminino do club ourensán soben ao podio na cita autonómica disputada na Malata, en Ferrol

O Sanysec–Club Ourense Atletismo asinou unha excelente actuación no XLII Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub16, disputado este sábado nas pistas da Malata, en Ferrol, conseguindo situar tanto o seu equipo masculino como o feminino entre os tres mellores clubs de Galicia.

O conxunto masculino finalizou na terceira posición, con 64 puntos, mentres que o equipo feminino tamén ocupou o terceiro posto, cun total de 121 puntos. Un dobre podio que pon de manifesto o nivel e a regularidade da canteira do club ourensán e o traballo desenvolvido ao longo da tempada.

No apartado masculino, o Sanysec–Club Ourense Atletismo conseguiu importantes vitorias e postos destacados en diferentes especialidades. Mario Casal Carbajosa foi primeiro tanto no lanzamento de disco, cun rexistro de 47,33 metros, como no lanzamento de peso, onde alcanzou os 14,29 metros. Pola súa banda, Brais Rey Neira (do filial Atletismo A Estrada) impúxose nos 1.500 metros obstáculos cun tempo de 4:37.14.

Tamén tiveron unha actuación destacada Marco Pereira Fernández, segundo no salto con pértega con 2,81 metros; Juan Pernas Facal, terceiro nos 3.000 metros marcha cun rexistro de 18:07.86; Brais Quintans Villaverde, terceiro nos 300 metros valos con 48.15; Xabier Sieira Dosil, terceiro nos 3.000 metros con 10:51.76, e Aroi Fernández González, terceiro nos 1.000 metros cun tempo de 3:02.98. Juan Pernas, Brais Quintáns e Xabier Sieira pertencen ao noso filial Ames Atletismo Savante.

Na competición feminina, Naia Bermejo Quintans conseguiu a segunda posición no salto con pértega, superando os 2,71 metros.

Ocupando as terceiras posicións temos aIsabel Carrión Álvarez nos 3.000 metros marcha, cun tempo de 22:08.89, Sara Vázquez Casas no lanzamento de martelo con 26,30 metros, e Ariadna Conde Vázquez nos 100 metros valos cun rexistro de 17.85.

Un dos momentos destacados da xornada chegou nos relevos, unha das probas que mellor representa o carácter colectivo deste campionato. O cuarteto feminino do Sanysec–Club Ourense Atletismo, formado por Carla Espín Valcarce (do filial Xuncas Diversia), Xiana Ortega Limia, Lucía Quintas García e Naia Bermejo Quintans, proclamouse vencedor do 4×100 metros cun tempo de 53.65. Ademais, o equipo feminino foi terceiro no 4×300 metros, cun rexistro de 3:15.87.

O resultado da Malata supón así un importante recoñecemento ao traballo realizado polo Sanysec–Club Ourense Atletismo coa súa categoría Sub16, que consegue finalizar entre os mellores clubs galegos tanto na clasificación masculina como na feminina.

O club ourensán pecha deste xeito unha xornada especialmente positiva, cun dobre terceiro posto no Campionato Galego de Clubs Sub16, nunha competición na que o valor do equipo e a achega de cada atleta foron fundamentais para acadar o resultado final.

Podes consultar os resultados ao completo na seguinte ligazón:

CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE CLUBS SUB 16

No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.