26 Ene GRANDES RESULTADOS NOS CROS DE RIBADAVIA
Ribadavia acolleu unha xornada con dous campionatos galegos de cros, ao disputarse o Campionato Galego de Cros Máster e o Campionato Galego de Cros Sub10, Sub12 e Sub14 (Memorial Alejandro Lorenzo). O temporal non impediu a celebración do campionato e os nosos atletas aproveitárono para mostrar a súa mellor cara.
No Campionato Galego de Campo a Través de Veteráns obtivemos o ouro de Saturnino González e a prata de Begoña Domínguez, ao que podemos sumar o primeiro posto de Ana Isabel Soutullo, quen competiu coa camiseta do Club Atletismo Sada, do que somos filiais en máster feminino, para competir na clasificación por clubs, gañando o Sada o campionato.
Saturnino González gañou en categoría M60 cun tempo de 20:32, marcando un ritmo medio de 04:06 nos 5 kilómetros do circuito.
Begoña Domínguez foi segunda en F40 cun tempo de 21:39, levando un ritmo de ao kilómetro de 04:19.
Ana Isabel Soutullo venceu en F45 cun tempo de 22:37 e ritmo medio de 04:31.
En canto aos máis cativos, Martín Valencia foi quinto sub10 na distancia de 1km cun rexistro de 04:43. Na mesma categoría, Saúl Carril foi décimo con 05:01.
En sub12 feminino, Lara González foi a 44ª con 08:47 nunha distancia de 1500 metros. Lara foi seguida de Clara Campos (59ª con 10:01) e Sofía Martínez (60ª con 10:03).
En sub12 masculino, Maeloc Barreiro foi 10º con 06:45 na mesma distancia que as mulleres.
Nos 2.000 metros que percorreron en categoría sub14, Auria Gómez rematou 66ª entre as rapazas con 11:05, mentres que en homes participaron Miguel Martínez (50º con 10:24) e Nicolás Valencia (58º con 10:51).
Un total de dúas medallas e unha participación distribuída polas diferentes categorías que trouxeron boas novas a pesar das condicións climatolóxicas adversas.
Podes consultar os resultados ao completo nas seguintes ligazóns:
XXXIX Campionato Xunta de Galicia de Campo a Través Máster
Campionato Xunta de Galicia de Campo a Través Sub14 – Sub12 – Sub10 2026

Sorry, the comment form is closed at this time.